QUE SON AS ESTRELAS FUGACES OU METEOROS?

As estrelas fugaces (ou meteoros) son pequenas partículas (normalmente, entre un milímetro e varios centímetros) que ao entrar a gran velocidade na atmosfera da Terra "quéimanse" pola fricción (en realidade o brillo débese á ionización do aire ao seu redor) e producen o trazo luminoso que atravesa rapidamente o ceo e que chamamos estrela fugaz.

O seu aspecto é moi variado. Poden brillar moito ou pouco. A súa traxectoria pode ser curta ou longa. Algunhas poden deixar un ronsel uns instantes e outras non. Normalmente son bastante rápidas pero tamén as hai lentas, que poden durar varios segundos. En ocasións poden mostrar algunha cor: avermellado, verdoso, azulado, etc. segundo a composición química do meteoro. 

A orixe destas partículas son os cométalos, que ao seu paso van perdendo material e deixándoo tras de si. 




Se a partícula é grande (uns centímetros), o meteoro será moi brillante e recibe o nome de bólido. O que vemos brillar é a bóla de aire ionizado que os rodea. Os bólidos poden ser espectaculares polo seu brillo, que pode facer que se vexan mesmo de día. Algúns poden fragmentarse durante a súa traxectoria, presentar escintileos ou pequenas explosións, ou facer ruído. Con frecuencia deixan un ronsel persistente durante uns momentos (é o rastro de aire ionizado que deixan atrás), ou un ronsel de fume. Ás veces poden brillar o suficiente como para verse detrás das nubes, e entón veremos estas iluminarse a contraluz uns instantes. 


Os meteoros ou estrelas fugaces pódense observar en calquera noite despexada, aínda que en determinadas noites do ano son máis abundantes (choivas de meteoros). As Perseidas, tamén coñecidas en España como Lágrimas de San Lourenzo, poden ser observadas no mes de agosto. 


A fricción atmosférica é capaz de queimar meteoros de ata varios quilos. Con todo, se unha partícula é demasiado grande, pode non desintegrarse na súa totalidade e alcanzar a superficie da Terra. O meteoro recibe entón o nome de meteorito. O noso planeta está a recibir constantemente meteoritos de tamaño microscópico e maiores.

Comentarios

Entradas populares de este blog

O SISTEMA SOLAR

STEVE, A AURORA BOREAL PÚRPURA DESCUBERTA POR AFECCIONADOS

O UNIVERSO É FINITO, SEGUNDO A ÚLTIMA INVESTIGACIÓN DE STEPHEN HAWKING