A AXENCIA ESPACIAL EUROPEA PRESENTA O MAPA DA VÍA LÁCTEA MÁIS DETALLADO ATA O MOMENTO

O novo catálogo recolle datos achegados polo satélite ' Gaia', no espazo desde 2013


Os datos enviados polo satélite Gaia da Axencia Espacial Europea (ESA) sobre a posición, as distancias e o brillo de 1.700 millóns de estrelas abren aos astrónomos novas xanelas para estudar a orixe e a evolución da Vía Láctea. Responsables de Gaia presentaron en Schönefeld, nos arredores de Berlín (Alemaña), o segundo catálogo de datos enviados polo satélite desde que foi lanzado ao espazo en 2013. O resultado é un río de información transformado en incribles e coloridos mapas tridimensionais que a partir de agora están a disposición da comunidade científica. Coa información de Gaia, lanzado ao espazo en decembro de 2013 e aínda en activo, "podemos deconstruir a historia da Vía Láctea", subliñou na presentación o director de Ciencia da ESA, Günther Hasinger. O catálogo, baseado en 22 meses de estudo do firmamento, inclúe as posicións e o brillo de preto de 1.700 millóns de astros e medicións da paralaxe (pequeno desprazamento na posición aparente dunha estrela provocado pola translación anual da Terra ao redor do Sol) e o movemento propio de 1.331.909.727 estrelas.

"Non sabiamos se ía ser bonito, pero é realmente sorprendente", sinalou Brown ao presentar o mapa coloreado en azul e vermello de acordo coa información sobre a temperatura de millóns de astros, as nubes de po e gas situadas entre a Terra e as estrelas e a velocidade á que estas se achegan ao noso planeta (azul) ou se afastan (vermello).
Gaia tamén observou outro tipo de obxectos e o segundo catálogo inclúe a posición de máis de 14.000 asteroides coñecidos e sitúa medio millón de cuásares afastados, galaxias brillantes alimentadas pola actividade de buracos negros supermasivos nos seus núcleos. "Son datos incribles que permiten descubrir cousas inesperadas", manifestou Antonella Valenari, vicepresidenta do DPAC, no que colaboran ao redor de 450 científicos e enxeñeiros. As estrelas, como os seres humanos, teñen diferentes cores, idades e peso e Gaia permite "poñer orde" no ceo, explicou Valenari, ao expoñer imaxes nas que aparecen familias de astros que naceron máis ou menos ao mesmo tempo e teñen a mesma composición, ou estrelas que se moven de forma estraña e imprevista dentro dunha galaxia. "Son belas obras de arte que ofrecen moita información", asegurou Valenari ao referirse a eses movementos fóra das órbitas circulares previsibles nun disco e provocados, segundo unha das teorías baralladas polos astrónomos, pola interacción doutras galaxias.

Gaia, coa cámara dixital máis grande xamais construída para unha misión espacial, despegou en decembro de 2013 da Guayana Francesa co obxectivo de xerar o mapa máis preciso da Vía Láctea e axudar así a comprender a súa orixe e evolución. O satélite determina a magnitude, posición, distancia e desprazamento das estrelas censadas, observando cada un dos astros máis de 70 veces.



Comentarios

Entradas populares de este blog

O SISTEMA SOLAR

STEVE, A AURORA BOREAL PÚRPURA DESCUBERTA POR AFECCIONADOS

O UNIVERSO É FINITO, SEGUNDO A ÚLTIMA INVESTIGACIÓN DE STEPHEN HAWKING