''100 LÚAS CADRADAS''

Unha exposición composta por imaxes celestes percorrerá os colexios de Canarias para achegar a astronomía aos máis novos. A mostra chámase ‘100 Lúas Cadradas’ e está organizada e impulsada polo Instituto de Astrofísica de Canarias (IAC). En total, trátase de varias coleccións compostas por imaxes e paneis que se mostrarán polos centros educativos do arquipélago durante os próximos dous cursos lectivos, á que se engade outra que poderá visitarse no Museo da Ciencia e o Cosmos de Tenerife.



Amaya Conde, presidenta de Museos de Tenerife afirmou durante a presentación do proxecto que o obxectivo é traballar “na difusión da ciencia e na creación de vocacións”, neste caso a través dunha exposición. Neste sentido Rafael Rebolo López, director do IAC, lembrou que “os nosos grandes aliados nesta tarefa son os profesores de colexios e institutos. Con ‘100 Lúas Cadradas’ buscamos a súa complicidade para atraer o interese das novas xeracións pola ciencia e os valores que esta achega á sociedade”.

Para promover o interese pola astronomía entre os máis novos, o proxecto ‘100 Lúas Cadradas’ prevé completar estas exposicións, cuxos paneis irán acompañados por unha páxina web e aplicacións de realidade aumentada, con formación específica para os docentes. Desta forma, cando a colección de imaxes comece a itinerar polos colexios das illas, os profesores formados de cada centro serán os encargados de explicarlla ao seu alumnado.

Todo iso para reforzar o papel dos educadores como “un elo indispensable para transmitir os coñecementos sobre o mundo que nos rodea ás novas xeracións, entre eles cada vez máis, os relacionados coa astronomía”, concluíu Alfred Rosenberg González, investigador do IAC e director do proxecto.

Comentarios

Entradas populares de este blog

O SISTEMA SOLAR

STEVE, A AURORA BOREAL PÚRPURA DESCUBERTA POR AFECCIONADOS

O UNIVERSO É FINITO, SEGUNDO A ÚLTIMA INVESTIGACIÓN DE STEPHEN HAWKING