ALYSSA CARSON, A MOZA QUE SE PREPARA PARA VIAXAR A MARTE EN 2033

A adolescente norteamericana Alyssa Carson ten moi claro o que será de maior, xa que leva anos adestrándose na NASA para converterse na primeira persoa que pise Marte en 2033.
Carson, que agora ten 15 anos, empezou a interesarse "por viaxar ao espazo desde que tiña só 3", explicou a EFE, e por iso ingresou en 'Mars One', un proxecto internacional que pretende establecer un asentamento humano no planeta vermello antes de vinte anos. "É posible que termine sendo a nosa futura Terra, un lugar onde vivir de aquí a uns 300 anos", subliña, debido ás súas semellanzas co noso planeta, que inclúe a existencia de auga actualmente detectada en capas de xeo marciano.


Para conseguir o seu propósito, a moza adestra a diario no Centro Marshall de Voos Espaciais durante varias horas ao día e ademais organiza visitas aos ''space camps'' da NASA, nos que conseguiu ser a primeira aspirante a astronauta en asistir a todos. Nestes campamentos aprende, mediante simulacións espaciais, experimentos e prácticas con elementos de robótica e aviación..., pero tamén estuda varios idiomas estranxeiros -francés, español e chinés- e as súas culturas, porque considera que lle achegarán "a habilidade de interactuar" cos compañeiros que estarán con ela no espazo.

Alyssa xa conseguiu logros como ser a primeira persoa en completar o ''NASA Passport Program'' ao acudir aos 14 centros para visitantes que a organización ten repartidos por todo o mundo e obter o recoñecemento Right Stuff Award, a maior honra que entrega a base da NASA en Alabama.


Carson participou no encontro ''PANGEA. The 2015 Starting Point'' que reuniu do 28 ao 30 de xaneiro en Madrid a máis de 200 mozos de 65 nacionalidades, con idades comprendidas entre os 16 e 24 anos, que destacan polo seu espírito emprendedor e innovador. Nel, animou aos partícipes a non poñerse límites na súa aprendizaxe, pois asegura que os mozos poden marcar a diferenza. "A nosa xeración pode cambiar o mundo", di.


Comentarios

Entradas populares de este blog

O SISTEMA SOLAR

STEVE, A AURORA BOREAL PÚRPURA DESCUBERTA POR AFECCIONADOS

O UNIVERSO É FINITO, SEGUNDO A ÚLTIMA INVESTIGACIÓN DE STEPHEN HAWKING